Verdade descarnada. Todo é polo petróleo. Farruco Sesto
Talvez é un signo dos tempos. Outrora, as altas voces do poder imperial eran, ou parecían, máis coidadosas na súa aparencia e máis comedidas con aquela palabra que se supón representa, e exhibe, os valores da civilización e a democracia. O cal é unha maneira de dicir que eran moito máis hipócritas. Pero duns anos para acá, algo cambiou. Porque ultimamente esas voces dos mandamais desatáronse e foron derivando a posicións moito mais descarnadas na súa prepotente sinceridade, particularmente ao referirse ao seu papel hexemónico no ámbito internacional. Como se dalgunha maneira, no confuso tempo das posverdades, xa fosen perdendo o pudor e a vergoña, para mostrarse ao mundo tal cal son.
Cando o presidente Obama asina, en 2015, un decreto que declara a Venezuela “unha ameaza inusual e extraordinaria para a seguridade nacional” dos Estados Unidos, faio sen rubor de ningunha especie, sabendo, como todos sabemos, que esa idea é, en si mesma, insostible na súa ridiculez. En verdade alguén pensa que Venezuela é un perigo excepcional para os EEUU? Salvo que se considere como unha verdadeira ameaza o exemplo que a República Bolivariana de Venezuela ofrece ao mundo na súa decisión de ser irredutiblemente libre e soberana.
A clave de tal decreto dánola o propio Obama, cando nunha entrevista, tamén en 2015, declara referíndose ás políticas do seu país, que “se non tivésemos esa dose de realismo non alcanzariamos os nosos obxectivos” (…) “Temos o Exército máis forte do mundo e en ocasións temos que torcer o brazo aos países se non queren facer o que queremos a través de métodos económicos, diplomáticos e ás veces militares” Torcer o brazo, di sen pudor e cunha sinceridade (un realismo) que comeza a sentar a pauta e a converterse nese novo estilo da palabra imperial.
Pero, con todo, e como podía preverse, pois é difícil que alguén vaia a asombrarse por iso a estas alturas, ninguén como Donald Trump para alcanzar as máis altas cotas de descaro imperial. Cunha franqueza brutal, blindada a proba de argumentos, o expresidente Trump admite sen complexos que toda a guerra multidimensional, co criminal bloqueo, contra Venezuela, tiña no seu goberno o obxectivo de facela colapsar, para apoderarse das súas riquezas petroleiras.
A súa confesión, feita sen paliativos, tivo lugar o pasado 19 de xuño, nunha reunión do seu partido en Carolina do Norte. Aténdase ben ás súas palabras e medítese nelas con atención:
«Que lles parece que estamos a comprar petróleo a Venezuela? Cando me fun, Venezuela estaba lista para colapsar. Se a tomásemos, teriamos todo ese petróleo, sería xusto á beira, pero agora comprámosllo e facemos a un ditador moi rico. Poden crelo? Ninguén pode crelo”
Aínda que a mediática hexemónica occidental non se deu por decatada de tales declaracións, que nin sequera se converteron en noticia directa, en realidade a ninguén lle poden tomar por sorpresa. Como dicimos, esta brutal sinceridade forma parte da nova política declarativa das máis altas voces imperiais. Pois se a ver imos, as palabras de Trump no fan outra cousa que reafirmar un sen número de testemuños de destacados membros do seu equipo de goberno. O única diferenza é a que achega a propia personalidade de Donald Trump, que é un pouquiño máis desinhibida e descarada na súa crueza.
Quen queira entreterse un pouco con iso, podería dedicar un par de horas a rebuscar, vía internet, nas declaracións sobre Venezuela de membros dos equipos presidenciais gringos nestes anos. De xente como Elliot Abrans, “emisario especial para a situación venezolana”. Mike Pence, vicepresidente. Mike Pompeo, director da CIA e secretario de estado. John Bolton, conselleiro de seguridade nacional. Ou do inefable James Story, embaixador dos EEUU ante o “goberno interino” do autoproclamado Guaidó.
De particular relevancia, polo seu cinismo, poderían destacarse as do embaixador William Brownfield, á Voz de América, en outubro de 2018, especialmente significativas, por canto alí revélase con antelación o que agora acaba de recoñecer Donal Trump.
Din así: “E se imos sancionar a PDVSA, terá un impacto ao pobo enteiro, ao cidadán común e corrente, ao das comunidades de Venezuela, pero o contraargumento neste momento é que eles xa sofren tanto de falta de alimentación, de falta de seguridade, de falta de medicinas, de falta de saúde pública, que, neste momento, quizais, a mellor resolución sería acelerar o colapso, aínda que produza un período de sufrimento maior por un período de meses ou quizais anos”
Sinxelamente indignante. Pero, máis claro, auga. Todo polo petróleo.
(Publicado originalmente en NÓSdiario)